EA Play integrarase en Xbox Game Pass Ultimate o 10 de novembro

martes, 29 de setembro do 2020 Marcus Fernández

As novas consolas de Microsoft sairán á venda o vindeiro 10 de novembro, e para que os xogadores que se fagan cunha delas estean completamente satisfeitos, veñen de confirmar que os subscritores de Xbox Game Pass Ultimate recibirán sen custo adicional a partir de tal data o servizo EA Play que facilita o acceso a unha selección de xogos de Electronic Arts (Need for Speed Heat, Plants vs. Zombies: La Batalla de Neighborille, Anthem, Battlefield V, FIFA 19, Unravel Two, Burnout Paradise Remastered, Los Sims 4, Star Wars Battlefront II, Mass Effect Andromeda, Titanfall 2, Mirror’s Edge Catalyst, Dragon Age: Inquisition e moitos outros).
Os xogos de EA Play estarán dispoñibles inicialmente para as consolas Xbox, pero a partir do mes de decembro tamén será posible gozar destes xogos (cando exista a versión correspondente) en PC, e tamén será posible gozar dos xogos de Electronic Arts a través da plataforma de xogo na nube de Microsoft, polo que poden empregarse dispositivos con Android para gozar destes títulos.
Dende Microsoft aproveitan a ocasións para lembrar que o 1 de outubro van incorporar ao Game Pass Doom Eternal na súa versión para Xbox (a de PC chegará algo máis adiante, como un anticipo dos xogos de Bethesda, que no futuro chegarán a Xbox Game Pass o propio día do seu lanzamento como froito da adquisición do estudio por parte de Microsoft.

Microsoft aposta por un ecosistema de xogo que permite gozar dun amplo catálogo de xogos en consola, PC e streaming.

PUBLICIDADE