EGANET anima ás empresas do sector TIC a participar na rede galega de mentorización

luns, 31 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

JPEG - 35 KB
Víctor López, presidente de EGANET

Perante a crise, as nosas empresas do sector tecnolóxico-dixital achegan terra firme. O potencial xa existe, ao igual que a experiencia. De haber algunha materia pendente para este desenvolvemento definitivo do noso eido TIC e (en consecuencia) de todo o sistema produtivo galego, sería subir un novo chanzo en materia de apoio: reforzar e promover todas as canles de colaboración que van dende administracións ás empresas, ou dunhas empresas a outras. Nesta liña é onde se insire a nova actividade de EGANET: un encontro de firmas do sector con BIC Galicia, entidade da Consellería de Economía, que servirá para explicar os programas de axuda á consolidación empresarial que se están a levar a cabo dende esta plataforma. A actividade celebrarase o vindeiro 2 de xuño, en horario de 17 a 18.00 horas, no auditorio do Centro ON de Caixa Galicia en Santiago.
Asemade, farase fincapé na dinámica da mentorización de empresas e nos beneficios de participar na Rede Mentoring para as firmas galegas das novas tecnoloxías da información.
O encontro contará –entre outros- coa presenza de Placeres Conde (a responsable da Rede Mentoring de BIC Galicia) e de Jacobo García (director de Área do organismo).
Xa nun eido máis específico, cómpre sinalar que a dita Rede consiste nunha plataforma de traballo que favorece a comunicación de coñecemento entre expertos do eido empresarial, poñendo en contacto directo a “persoas cunha ampla traxectoria profesional e empresas que queiran medrar, ampliar mercados ou mellorar na eficacia dos seus proxectos”, informa EGANET. Amais de dar acubillo á presentación xenérica das vantaxes e funcionalidades de BIC Galicia, a xuntanza servirá para presentar o Taller de Dirección Estratéxica, unha proposta dirixida a empresas nos seus primeiros anos de operatividade que inclúe un obradoiro formativo de 40 horas, unha fase de mentorización e unha xornada de traballo.
O taller desenvólvese baixo a organización de asociacións empresariais, como EGANET, que levará a cabo esta actividade no mes de setembro.
As empresas interesadas en asistir a este encontro poden confirmar a súa asistencia no mail info@eganet.org ou no teléfono da asociación: 881 97 69 30, indicando o nome da empresa e o número de asistentes.

PUBLICIDADE