EGANET anuncia novos cursos formativos para os seus asociados

martes, 26 de abril do 2011 Raquel Noya

A asociación de empresas galegas dedicadas a desenvolver software e todo tipo de servizos TIC, EGANET, foi creada no ano 2000 para representar e defender os intereses destas entidades e profesionais que desenvolven a súa actividade empresarial no noso país, contribuíndo co seu gran de area a construir unha Galicia máis avanzada e acorde cos tempos.
Con esta teima, a asociación galega convoca con asiduidade cursos de interese para os seus asociados, ben en relación coas TIC, ou ben en relación co mundo empresarial en xeral, para que ningunha idea innovadora quede ás portas de converterse en iniciativa de éxito.
As últimas accións formativas que EGANET vén de anunciar para celebrar en breve son, precisamente, dúas relacionadas coas competencias e habilidades do empresariado, que se desenvolverán nos meses de maio e xuño.
A primeira delas, denominada Dirección estratéxica, vaise celebrar en Compostela os vindeiros días 3, 6, 13, 20 e 27 de maio e 1 de xuño, e nela, as persoas asistentes recibirán información teórico-práctica de utilidade para a implantación da dirección estratéxica dunha empresa.
Asemade, adquirirán coñecementos sobre pensamento estratéxico e sobre procesos de xestión “como elementos para o cambio estratéxico”.
O curso divídese en cinco unidades didácticas e en cada unha delas, as persoas asistentes terán a oportunidade de aplicar os coñecementos adquridos.
A segunda acción formativa que a asociación anunciou é Habilidade de negociación, que tamén se desenvolverá en Compostela e que ten como obxectivo proporcionarlles ás persoas asistentes os coñecementos, habilidades e destrezas necesarias para mellorar os procesos de negociación que se desenvolven nas empresas.
As xornadas deste curso terán lugar o 30 de maio e o 6, 13, 20 e 21 de xuño e tamén ofrece contidos teórico-prácticos sobre a temática.

PUBLICIDADE