EGANET anuncia novos obradoiros sobre o manexo no mercado dunha empresa TIC

luns, 14 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Actividade formativa da asociación e de BIC Galicia celebrada recentemente en Santiago

A Asociación Galega de Empresas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (EGANET) vai afondar nos vindeiros días na súa vertente máis divulgadora, e farao de novo en colaboración con BIC Galicia, entidade coa que organizou recentemente unha xornada sobre mentorización. En termos de accesibilidade, a idea de EGANET é novamente a de ceibar do máximo número de atrancos o camiño das empresas galegas do eido tecnolóxico-dixital. Xa nunha linguaxe máis empresarial, o que se pretende é axudalas a mellorar os seus procesos de dirección e comercialización.
As actividades formativas en cuestión comezarán a partir de setembro, informa a asociación, e a través delas búscase “responder ás necesidades do sector galego das TIC, caracterizado pola súa xuventude e composto por empresas tecnolóxicas de pequeno e mediano tamaño, con perfís profesionais moi técnicos e de alta cualificación pero pouco familiarizados coas tarefas básicas de administración e dirección de empresas”.
O programa, informa a entidade, comeza con 40 horas de formación especializada nas cinco áreas de xestión da empresa: Dirección Estratéxica; Dirección de Marketing e Comercial; Dirección de Operacións; Dirección de Control e Xestión; e Dirección e Xestión dos Recursos Humanos. Aos obradoiros séguelles unha fase de mentorización empresarial (6 horas.) que é como unha sesión práctica e real de traspaso de coñecemento. Máis polo miúdo, trátase de xuntar ás firmas participativas con mentores de experiencia no eido empresarial. Asemade, haberá unha xornada de negocios para favorecer (na fin de semana) o intercambio de experiencias con outros empresarios e a aplicación práctica de coñecementos e pautas establecidas na formación previa. As xornadas ficarán abertas a tódalas firmas galegas do sector, pertenzan ou non a EGANET. As interesadas poñen xa pórse en contacto coa asociación a través da conta info@eganet.org.

PUBLICIDADE