EGANET comeza a segunda fase do proxecto para selar alianzas no sector do software

luns, 18 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

A directora xeral de BIC Galicia, Maite Cancelo, e o presidente de EGANET, Víctor López

A cooperación, algo que vale dende hai séculos para obter o máximo rendemento do noso traballo, tamén é un dos piares básicos da actividade tecnolóxico-dixital. No caso galego, onde non predominan as grandes empresas senón as de mediano e pequeno tamaño, a estratexia do traballo en común aínda colle máis corpo. Isto sábeno dende EGANET, onde se está a abordar a segunda fase dun proxecto que convida e asesora ás nosas empresas no proceso de fusión e establecemento de cooperacións e alianzas empresariais.
Cómpre non buscar o obxectivo desta iniciativa nas máis modernas e avanzadas estratexias de acción empresarial. A cousa, como dixemos, vén de antigo: máis mans para un mellor e máis eficaz resultado. A iniciativa, que se dirixe a entidades galegas de software e de contidos dixitais, xeralmente de reducidas dimensións, está neste intre no seu ecuador. A recta final será en setembro, cando entre en funcionamento a terceira e última fase do proxecto, encamiñada á consecución do afianzamento das alianzas co apoio e colaboración de profesionais cualificados e sen custos para os participantes.
Segundo informa EGANET, a semana pasada deuse comezo á segunda fase da estratexia, chamada A Cooperación Empresarial: As Alianzas Estratéxicas. Detrás desta iniciativa atópase, como dixemos, EGANET, que conta co apoio da Consellería de Economía a través de BIC Galicia. A xornada de apertura da segunda fase comezo con resultados produtivos, sinala a asociación. Ao abeiro deste encontro, celebrado nas instalacións de BIC Galicia en San Lázaro, realizouse unha “autodiagnose de cada unha das empresas participantes, co seu análise da organización e avaliación financeira, e con resultado de informe do valor de cada unha”. De xeito complementario, déronse os primeiros pasos para establecer as compañías afíns coas que poder establecer posibles alianzas.
Como se dixo, o obxectivo deste novo proxecto é loitar contra a atomización do sector TIC galego e conseguir, mediante da cooperación e as alianzas, que as empresas gañen volume, diversifiquen tanto mercados como produtos/servizos e melloren a estrutura de capital.

PUBLICIDADE