Economía e o Hub DATAlife colaboran no impulso da nosa transformación tecnolóxica

mércores, 16 de xuño do 2021 S. P.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantivo na mañá deste 16 de xuño unha xuntanza cos responsábeis de DATAlife Hub de Innovación Dixital co fin de avanzar en materia de colaboración e impulsar a transformación dos sectores que abrangue o hub: basicamente os sectores primario, bio e da saúde.
Esta iniciativa, centrada en converter a nosa terra nun referente en biotecnoloxías, conta con 16 socios (entre os que se contan o Clúster TIC, o Centro Tecnolóxico Gradiant ou Televés) e traballa por facilitar a incorporación de tecnoloxías disruptivas ás pemes galegas relacionadas coa Intelixencia Artificial, a análise de información a gran escala (Big Data), a Internet das Cousas, computación de altas prestacións ou ciberseguridade.
Conde trasladou que a Xunta está comprometida coa consolidación dos hubs de innovación dixital, un instrumento de colaboración público-privada fundamental para artellar a I+D+i nas pemes a través do que se pretende estender o impacto positivo da innovación a todo o tecido. De feito, lembrou que xa se levan destinados 28,8 millóns de euros desde 2019 á Estratexia dos Hubs de Innovación Dixital con medidas para promover a súa carteira de servizos e a súa actividade. Destacou, por exemplo, a próxima convocatoria de Conecta COVID, que destinará 4M€ para avanzar en proxectos de I+D empresarial relacionados coa pandemia e que contará coa colaboración dos hubs á hora de axustar os apoios ás necesidades reais do tecido galego.

PUBLICIDADE