Edu Lavandeira presenta na Web unha curta que reflexiona sobre a teima de gravar malleiras co móbil

luns, 14 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

As ferramentas de Internet e os seus usuarios (que son os que lle dan sentido a Internet) son cada vez máis coma a gran pantalla e os espectadores. Con todo, hai propostas audiovisuais ligadas á Rede que teñen unha serie de vantaxes engadidas: son accesibles e permiten liberdade de feituras, técnicas e (sobre todo) temáticas. Precisamente este espírito de liberdade é o que abrolla no certame Notofilmfest.com e, sobre todo, nunha curtametraxe galega que está a concorrer xa na sexta edición do festival: Vídeo_Pelea, dirixida polo vigués Edu Lavandeira.


A curta presentada a concurso

A peza, protagonizada por tres actores novos (Antón Girón, Xoán Beiro e David Castiñeiras), é unha ollada crítica a un tema que tristemente está de actualidade, coa conivencia dos medios de comunicación (ó asexo de carnada para as audiencias), en boa medida culpables do que acontece.
Falamos das liortas gravadas nos móbiles por adolescentes e posteriormente penduradas na Rede. A curta, na que traballan os mesmos actores ca na peza Piojos, do mesmo autor, pódese descargar ou visualizar, deixándose marxe na web do festival para comentarios e opinións. A obra foi gravada en escenarios de Compostela cunha cámara Panasonic DVX100.
Sinalar que Edu Lavandeira foi finalista na quinta edición do Notodofilmfest.com coa micrometraxe de 30 segundos 857.

PUBLICIDADE