El Poder de la Fuerza sae oficialmente nos EE.UU. (e nos iPhone de todo o mundo)

martes, 16 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Imaxe da versión do xogo para o iPhone

O vindeiro venres chega ás tendas españolas o xogo Star Wars: El Poder de la Fuerza para PS3, PS2, PSP, Xbox 360, Nintendo DS e Wii, pero curiosamente os usuarios do iPhone xa poden adquirir por 7,99 euros unha copia do xogo para o seu dispositivo, posto que hoxe era o lanzamento oficial do xogo nos EE.UU. (e a App Store non entende de fiestras de lanzamento internacionais).
A chegada do xogo para as versións antes mencionadas nos EE.UU. foi hoxe mesmo, para o que o luns pola noite se organizou unha festa de lanzamento que contou cunha breve intervención de George Lucas, pai da saga cinematográfica que inspirou o novo xogo.

Na festa de lanzamento de El Poder de la Fuerza nos EE.UU. non faltaron afeccionados disfrazados

Non faltaron ao evento afeccionados disfrazados de soldados imperiais e cabaleiros jedi, o que é toda unha tradición en todo acto que se mova ao redor do Universo de Star Wars. De feito, El Poder de la Fuerza non é un xogo máis, senón que é todo un capítulo da historia global (situado entre os episodios III e IV) que non conta só cun videoxogo, pero que destaca por explotar o espazo que separa as dúas triloxías da pantalla grande.
A crítica especializada está a considerar este xogo coma decepcionante (aínda que recoñece a súa calidade global) pero o público non parece estar moi de acordo, pois as copias de El Poder de la Fuerza que se filtraron á Rede o pasado venres están a circular con moita fluidez por redes P2P (con milleiros de usuarios compartíndoas) e non son poucos os que aseguran as primeiras horas de xogo son emocionantes, de xeito que non sorprende que moitas tendas españolas leven tempo reservando copias deste título que podería voar dos estantes esta fin de semana de cumprirse coa previsións e, aínda que non se trate do xogo do ano, será un título que satisfará aos fieis seguidores das aventuras dos jedi nunha galaxia moi, moi lonxana…

PUBLICIDADE