El rey león e Aladdin rexorden como grandes clásicos

martes, 29 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A primeiros dos anos 90 a Disney viviu un grande momento en salas cinematográficas que contaron con apoio en consolas de videoxogos de grandes títulos de plataformas como os que hoxe recuperan adaptados a máquinas actuais nun atractivo lote chamado Juegos clásicos de Disney: Aladdin y El rey león, que podemos adquirir por 34,99 euros en versións para PlayStation 4, Xbox One e Nintendo Switch.
Deste xeito podemos gozar de grandes clásicos como El rey león¸ que permítenos avanzar a través de numerosos perigos como Simba, ascendendo 10 niveis até poder reclamar o trono usurpado polo seu malvado tío Scar.
No caso de Aladdin o xogo tamén é un plataformas de grande calidade, pero que ten como curiosidade que no seu día o filme tivo dúas conversións totalmente distintas: por unha banda a das consolas de SEGA Mega Drive (que é a recollida nesta ocasión, e que tamén chegou a ordenadores persoais, Game Boy e outras plataformas) e, por outra, a de Super Nintendo (que sendo un xogo tamén de calidade e con grande éxito en vendas, tivo un desenvolvemento por separado da man de Capcom).
En calquera caso falamos de xogos que no seu día venderon millóns de unidades e que a día de hoxe continúan a ser moi divertidos, e nesta edición preséntanse con gráficos adaptados á alta definición, con numerosas opcións de personalización do aspecto da pantalla (con filtros que permite emular a aparencia dos vellos televisores de tubo), coa posibilidade de gardar partida ou rebobinar o xogo para superar as zonas máis difíciles (xa que o nivel de dificultade da época é algo ao que actualmente non estamos afeitos) e incluso conta cun museo no que coñecer a fondo estes xogos e unha sección para escoitar a súa banda sonora. Esta recompilación tamén permite ver distintas versións de cada xogo, e a única queixa que pode ter é o seu elevado prezo, algo que pode solucionarse con paciencia, xa que é de esperar que experimente ofertas considerables incluso antes o remate do presente ano.

PUBLICIDADE