Elgato lanza o seu panel de control máis completo e versátil

martes, 15 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Hai preto de dous anos, como alternativa aos distintos modelos de Stream Deck, chegaba Loupedeck Live, un controlador para streaming que destacaba por incluír 6 diais analóxicos que resultarían especialmente prácticos para funcións como o control de niveis de volume, e que o pasado verán relanzouse como Razer Stream Controller.
Dende Elgato deberon de mirar con preocupación tal dispositivo (que incluso conta cunha versión máis económica financiada mediante micromecenado) e lanzan agora o Stream Deck+, un controlador moi versátil, que pode mercarse por 229,99 euros.
O novo controlador presenta 8 botóns personalizables na liña de anteriores produtos da súa familia, pero inclúe tamén 4 diais que poden empregarse para controlar o volume (ou incluso para facer axustes de cor nunha aplicación de edición de vídeo) e unha pequena pantalla táctil alargada, que presenta información, pode manexarse con toques e incluso permite que nos deslicemos entre distintas páxinas cun xesto.
Como todos os paneis de control de Elgato, conta con software que permite tirar un grande proveito de numerosas aplicacións, como poden ser as típicas ferramentas para a retransmisión de vídeo a través da Rede ou a gravación de podcasts, aínda que para moitos resultará especialmente atractivo o feito de que poida aproveitarse para manexar os parámetros de cor con precisión en DaVinci Resolve.
Sobra dicir que o control do son é o punto forte deste dispositivo, pero que poidan aproveitarse con outras aplicacións para un axuste preciso de parámetros é un punto moi ao seu favor de cara a que os usuarios xustifiquen a compra dun accesorio cun prezo tan elevado.

Os paneis de control de Elgato son moi populares entre os streamers

PUBLICIDADE