En marcha o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, CIBER.gal
luns, 3 de agosto do 2020
O
Nodo
de Ciberseguridade Galicia, CIBER.gal, iniciativa de cooperación
público-privada impulsada pola Xunta para facer avanzar na nosa
terra as contornas tecnolóxicas protexidas, estará a pleno
rendemento este verán. Así o vén de confirmar a axencia
AMTEGA, poñendo o foco nos fortes alicerces da iniciativa,
fortalecidos polo convenio asinado co Instituto Nacional de
Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a
FEGAMP e as catro deputacións provinciais.
A
previsión, polo tanto, é que ao remate do verán despegue
definitivamente o nodo, que se centrarán en ámbitos como impulsar a
concienciación e a formación de cidadáns e empresas en materia de
ciberseguridade; dar resposta coordinada a retos complexos
relacionadas coa salvagarda de información; promover a xeración,
atracción e retención de talento especializado, e contribuír á
visualización de Galicia neste ámbito a nivel estatal e europeo.
Segundo
lembra AMTEGA, o nodo é un instrumento de cooperación no que
participan as tres administracións con competencias na materia para,
por unha banda, facilitar a dispoñibilidade e o intercambio deses
recursos e, por outra, artellar a colaboración público-privada
neste ámbito para facilitar unha carteira integral de servizos e
que o Nodo se converta nun aglutinador das iniciativas de
ciberseguridade en Galicia.
Servizos
para cidadáns, administracións públicas e pemes
O
inicio da actividade do nodo CIBER.gal focalizarase na formación e
concienciación á cidadanía, ás empresas, en especial ás pemes, e
ás administracións públicas, dando resposta ás inquedanzas e
necesidades sinaladas polos axentes consultados.
Para
a cidadanía os servizos centraranse en accións de formación a
estudantes e eventos participativos para os diferentes niveis
educativos (secundaria, bacharelato, formación profesional e
universidade). Ademais, desenvolveranse accións de capacitacións
básica no uso seguro das tecnoloxías para persoas maiores. Como
primeiro paso para avanzar neste ámbito colaborarase con INCIBE na
promoción e execución de xornadas técnicas de ciberseguridade nas
escolas con accións dirixidas tanto a alumnos como a docentes de
materias relacionadas coas novas tecnoloxías para que adquiran as
habilidades para impartir os talleres aos alumnos.
Para
as pemes e autónomos a concienciación e a difusión tamén serán
eixos prioritarios dos servizos de CIBER.gal en colaboración con
outros axentes do Nodo. Segundo informa AMTEGA, neste ámbito xa se
están realizando accións como os servizos do plan Re-Acciona para a
definición de estratexias de ciberseguridade nas pemes, achegando
este ano 14 tipos de servizos nesta área por un importe de 290.000
euros.
Ademais,
poñeranse en marcha acciones específicas para este público en
colaboración con INCIBE como formacións no ámbito a análise dos
riscos e uso de servizos de seguridade.
No
ámbito das administracións públicas, identificáronse como
vindeiros pasos a realización de xornadas de formación aos axentes
chave dos concellos para a súa capacitación en competencias básicas
relacionadas coa ciberseguridade e protocolos de actuación, e
formación avanzada para os servizos TI das administracións
autonómicas, provinciais e locais.
“Unha
vez lanzadas estas iniciativas”, engaden AMTEGA, “poñeranse en
marcha accións de maior complexidade para o deseño e posta en
marcha de proxectos aliñados coas tendencias de evolución en
ciberseguridade, e que respondan tanto as necesidades estratéxicas
das administracións como a sectores tractores en Galicia”.
Reforzo
da ciberseguridade da Administración autonómica
A
AMTEGA vén de licitar un contrato para reforzar o servizo de
ciberseguridade por un importe estimado de 4,7 millóns de euros por
un período de 4 anos anos contando as posibles prórrogas. O
contrato abrangue entre outros servizos de monitoraxe de eventos e a
xestión de incidentes de seguridade 24x7; a operación,
administración e evolución de diferentes ferramentas de
ciberseguridade; como por exemplo o sistema de xestión de eventos
e información de seguridade ou o antivirus corporativo,
consultoría de alta especialización en seguridade; vixilancia
dixital e ciberintelixencia; ademais da coordinación e seguimento
do plan de adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade (ENS) e a
outras normas de seguridade como a ISO 27002 e o apoio técnico no
mantemento das metodoloxías, normativas e estándares tecnolóxicos
a seguir polo conxunto da organización, no ámbito da seguridade da
información.
Este
servizo colaborará co resto de servizos de seguridade xestionados
pola AMTEGA, sobre todo co servizo de soporte de seguridade en redes,
co servizo de apoio aos Delegados de Protección de Datos e co de
apoio á adecuación ao Regulamento Xeral de Protección de Datos, co
obxectivo de acadar un bo nivel de seguridade da información e dos
servizos dixitais xestionados pola axencia autonómica para a Xunta
de Galicia.
Situación
da ciberseguridade en Galicia
O
pasado mes de marzo presentouse o Informe de Situación da
Ciberseguridade en Galicia, no que se identifican os axentes
implicados neste ámbito na Comunidade, púlsase a súa opinión
sobre os retos e necesidades e sinálase a folla de ruta inicial para
a posta en marcha do Nodo e a súa carteira de servizos.
O
informe identifica ata 167 entidades relacionadas coa ciberseguridade
en Galicia, das que 103 son empresas que ofrecen produtos e servizos
de protección TIC. Os consultados coinciden na necesidade de
incrementar as accións de formación e concienciación á cidadanía.