En marcha un portal galego para a inclusión de crianzas con necesidades educativas especiais, Pictoeduca.com

martes, 5 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

A Fundación Barrié e Pictoaplicaciones (iniciativa do Grupo Promedia, con sede en Milladoiro) están a impulsar un novo portal educativo que se dirixe a fortalecer a inclusión social das crianzas con necesidades educativas especiais pola vía da inclusión tecnolóxica (as novas tecnoloxías como porta de acceso a unha vida mellor). Estamos a falar do portal Pictoeduca.com, unha proposta web gratuíta e inclusiva que, entre outras cousas, permite crear e consultar leccións adaptadas para os nenos coas devanditas demandas específicas.
O proxecto, posíbel grazas ao mecenado da Fundación Barrié, ten tamén o obxectivo de crear unha comunidade infantil de escolares, aberta á participación activa de nais, pais e educadores, que teñen ao seu dispor unha ferramenta de administración para pendurar diferentes achegas, a leccións de todo tipo de materias (matemáticas, ciencias, música), vídeos, pictogramas ou imaxes, entre outros contidos dixitais.
En palabras dos seus creadores, Pictoeduca é un “completo portal que xunta unha gran variedade de material didáctico en diferentes formatos e cuxa formulación metodolóxica suporá un apoio importante dentro das Tecnoloxías de Apoio á Diversidade”. O sitio web, ademais, foi concibido desde unha formulación con carácter integrador, sen etiquetaxes e “asumindo a heteroxeneidade das persoas, universal, onde se compartan e intercambien coñecementos e se promova a inserción social”.
O propósito último, polo tanto, “é unha mellora na calidade de vida do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo proporcionando formación directa de e para profesionais e usuarios, reunindo os recursos necesarios para iso”.
Nun plano máis concreto, o portal e os seus diferentes recursos permiten facer cousas como dar forma a leccións empregando vídeos, imaxes e textos, e traducir todo a pictogramas cando as necesidades educativas dos nenos aos que nos diriximos así o require. Asemade, poderemos escoitar os textos que acheguemos e, para tirar partido das ferramentas que queiramos usar, teremos ao noso dispor vídeo-titoriais onde se nos explica como facelo.
Pictoeduca foi desenvolvido para PC e para móbiles con sistemas iOS e Android.

PUBLICIDADE