En marcha unha iniciativa para levar futbolíns solidarios, en liña, ás universidades españolas

martes, 18 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Os días pasados presentouse en España unha iniciativa con especial potencial para cinguir o mundo físico co virtual, a actividade deportiva clásica e a que se fai en liña. Asemade, trátase dunha proposta que lle toca de preto a un invento netamente galego: o futbolín. A cita foi no HUB Madrid, onde se deu a coñecer o proxecto Futboling, achegado baixo o lema Pásao ben mellorando o mundo e coa arela de fornecer unha actividade de lecer co gallo de pór en xogo solidariedade, e viceversa. Trátase, máis polo miúdo, dunha máquina fabricada en polietileno, con feitura de futbolín clásico (cambian os materiais, iso si), pero cen por cen reciclábel, sostible en si mesma e co engadido de estar enchufada a Internet e canalizando axudas monetarias a entidades humanitarias e sociais. Hai polo tanto un terceiro elemento a sumar: o elemento solidario.
Futboling, cuxa patente é cen por cen española, permite “crear unha experiencia de diversión 2.0”, informan os seus responsábeis, “xa que grazas á súa conexión a Internet pódese realizar unha competición global, en tempo real, en calquera recanto do mundo e mediante o seguimento dos resultados propios e alleos, a través dun computador (vía a web de seu, futboling.com) ou smartphone (vía iPhone e, en breve, Android)”. Estamos pois ante unha iniciativa que mantén o cerne do xogo tradicional, apostando polo lecer puramente físico arredor dun aparello de xogo, pero engadindo “dimensión social e universal”.
Respecto á súa vertente solidaria, dicir que por cada moeda que se insire para xogar destínase unha parte ao traballo dunha organización sen arela de lucro a elixir polos propios xogadores: Intermón Oxfam, Fundación Josep Carreras contra a leucemia, Cáritas, Nenez Solidaria, Mans Unidas, Fundación Vicente Ferrer, Medicus Mundi, Vencer ao Cancro e Adena WWF España. A elas destinarase un tezo do importe da partida. Outro terzo á Fundación Fun for a better world, a entidade responsábel de Futboling, precisamente, co obxectivo de impulsar o traballo a prol da inserción laboral das persoas con diversidades funcionais ou motrices e conseguir que sexan elas mesmas as que desenvolvan tarefas de asistencia técnica e mantemento das máquinas do proxecto. Un último terzo irá dirixido ás universidades españolas nas que se van instalar os aparellos (60 polo de agora), sufragando por unha parte o aluguer dos espazos e destinando o resto a bolsas, bibliotecas ou compra de material didáctico. Futboling, máis polo miúdo, é un desenvolvemento que vén da man de Nacho Escobar e Félix Lozano, aos que se van sumando, paseniño pero sen pausa, outros compañeiros que comparten a idea orixinal do proxecto. En YouTube podemos ver un vídeo sobre o funcionamento destes aparellos.

PUBLICIDADE