En marcha unha nova edición do espazo de coworking de Barro

luns, 7 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial veñen de impulsar un nova edición, a terceira, do Coworking de Barro, un espazo para o traballo innovador e colaborativo do que abrollan, cada ano, importantes proxectos tecnolóxicos e/ou liderados por mulleres (máis da metade das iniciativas). A nova convocatoria foi dada a coñecer pola presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, que lembrou que o Coworking de Barro serviu entre outras cousas para alentar a posta en marcha (xa) de 35 iniciativas novas de mercado. A nova edición comezará o 5 de febreiro e rematará a finais de xuño.
Tal e como sinalou Carmela Silva, “trátase dun proxecto dirixido ás emprendedoras e emprendedores que teñan un proxecto en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente”. Tamén lembrou que a través desta iniciativa, que conta cun orzamento de 800.000 euros, a Deputación de Pontevedra pretende “fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen destes espazos de traballo colaborativo, nun período de cinco meses”.
Silva engadiu que as persoas que participen nesta nova edición terán acceso a 100 horas de formación, concretamente 45 horas de obradoiros formativos, 15 horas de dinámicas grupais, 20 horas de titorías individualizadas coa persoa mentora do proxecto, 10 horas de asesoramento expertio e 10 horas de soporte e seguimento. O programa rematará cunha xornada de demostración, un DemoDay, no que as e os participantes presentarán individualmente os seus proxectos.
As emprendedoras e emprendedores tamén poderán acceder a outros servizos de emprendemento promovidos pola Deputación. De feito, en Barro poderán facer uso, de maneira gratuíta, do FabLab ou Laboratorio de Fabricación Dixital, onde se dispón dun completo equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe, etc.) e no que se leva a cabo, regularmente, un completo programa de accións formativas específicas para familiarizar ás/aos profesionais con estas tecnoloxías.

PUBLICIDADE