En marcha unha plataforma con información e recursos didácticos para a mocidade galega: redeiras.org

martes, 15 de xuño do 2021 S. P.

A Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia (POIG), en colaboración coa Consellería de Política Social que dirixe a ribeirense Fabiola García, puxo en marcha unha plataforma en liña de contidos para a mocidade galega de entre 12 e 17 anos. Estamos a falar de Redeiras.org, un xornal dixital que xunta unha serie de redes sociais e un recurso formativo para poñelos a disposición das e dos integrantes da comunidade de redeir@s. En definitiva, trátase dun acubillo online, plural e participativo, con información de interese para a xente nova e, tamén, para construír redes sociais de xeito seguro.
Detrás desta iniciativa están expertos en dereitos da nenez que poñen en valor todos os dereitos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno.
Ademais, o sitio ofrece obradoiros para aprender xunto a profesionais temas que importan aos adolescentes. Ao fío do devandito, ao mesmo tempo que se lanza a plataforma virtual, póñense en marcha catro talleres tanto en formato presencial como virtual. Pódese acceder a toda a información a través da sección de obradoiros da plataforma, que xorde cun duplo sitio web que fala ás claras da súa vontade integradora e non discriminadora: www.redeiros.org e www.redeiras.org. Para formar parte da comunidade hai que poñerse en contacto coa plataforma de infancia galega en participacion@infanciagalicia.org.

PUBLICIDADE