En marcha unha recollida de sinaturas para loitar contra a escravización laboral no eido TIC

mércores, 1 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Malia que semella que o sector tecnolóxico-dixital impón un modelo de traballo que é case un paradigma do borrollismo, o certo é que non todo é horas flexibles, ximnasio no traballo e mensualidades máis ou menos axeitadas. De feito, é ben probable que ao longo destes últimos días moitos de nós tocáramos material tecnolóxico feito en réxime de escravización, procedente de países emerxentes e non tan emerxentes. Favorecer o consumo responsable destes equipamentos e informar das mellores maneiras de evitar a explotación laboral TIC é o obxectivo da campaña Teclas Xustas, unha iniciativa con carácter internacional posta en marcha por SETEM e outras cinco organizacións do eido europeo.

Entre os seus obxectivos concretos figura o de movernos á reflexión arredor dun feito que está claro: unha boa parte do equipamento que chega ás nosas mans vén de países que, como China ou Malaisia, non son precisamente un exemplo da defensa dos dereitos básicos dos traballadores.

A situación é crítica: para que nós poidamos gabarnos de novo aparello diante das nosas amizades tiveron que darse previamente moitas horas de sufrimento, xornadas laborais sen fin e exposición constante a material contaminante de todo tipo. A maiores, o que pagamos por un trebello destas características é case o que cobra unha das familias dos devanditos países emerxentes ao longo dun ano. Coa finalidade clara de loitar contra isto, a organización SETEM quere concienciar ás institucións públicas de que dean exemplo dunha compra tecnolóxica responsable. A idea é recoller máis de 10.000 sinaturas para facelas chegar a universidades de toda Europa e deste xeito poder reclamarlles que teñan meirande responsabilidade á hora de adquirir material TIC.

PUBLICIDADE