Entra en fase de probas o Portal da Investigación da USC, unha nova e decisiva ferramenta de transferencia

luns, 25 de xaneiro do 2021 Redacción

Un investigador da USC probando as funcionalidades do novo portal nunha imaxe de Santi Alvite

O Portal da Investigación da Universidade de Santiago xa é unha realidade. O seu obxectivo non é outro que estreitar a distancia entre os achados da comunidade científica dos campus composteláns e a sociedade. En última instancia, o portal, que está en fase de probas até marzo (pudendo o persoal investigador enviar suxestións ou correccións) quere ser unha nova e importante contribución aos obxectivos da ciencia aberta.
Esta páxina permite explorar aos integrantes das unidades organizativas definidas pola USC (Centros Singulares, Institutos, Agrupacións Estratéxicas, Departamentos, Facultades e Grandes Áreas de Coñecemento) ou facer unha procura específica na caixa de busca. O portal estase a actualizar acotío cos contidos das publicacións procedentes de Dialnet, incluíndo as súas métricas; e semanalmente, cos datos de Scopus. No futuro, prevese a incorporación das publicacións da Web of Science (WoS). Asemade, o portal actualízase diariamente coas actividades que consten nas bases de datos do Vicerreitorado de Investigación e Innovación. “Deste xeito”, informou a USC, “o novo espazo presenta os resultados globais da institución, con diversos apartados dedicados a publicacións, teses doutorais, colaboracións con outros centros ou patentes, entre outros aspectos”.

PUBLICIDADE