Entra na recta final o prazo para inscribirnos nos cursos tecnolóxicos pro-emprego da Deputación de Lugo

mércores, 27 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo informou hoxe de que na súa recta final o prazo de matrícula dos seus cinco cursos formativos encamiñados a mellorar o currículo e o adestramento profesional das persoas en paro da provincia. Os obradoiros, ofrecidos a través de LugoWork, están inseridos no plan de emprego xuvenil da entidade provincial, que quere beneficiar a menores de 30 anos que estean no paro e que inclúe 2 millóns de euros de orzamento captados da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. Segundo indicou hoxe a Deputación, tralo adestramento (un parte importante do cal está centrado nas TIC) os participantes terán a posibilidade de traballar en entidades da provincia e cubrir as necesidades que demandan ditas empresas.
As persoas interesadas en participar nestes cursos teñen ata o 30 de xuño para facer a súa solicitude nas páxinas web www.deputacionlugo.gal ou en www.eoi.es. Como requirimento básico, amais dos devanditos, esíxese que os solicitantes estean inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil. Os cursos en cuestión son os seguintes:
1.- Curso de auxiliar de ventas online e offline e atención ao público. Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán 250 horas de formación a través de contidos dirixidos a habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas en liña e offline.
2.- Aplicacións e Manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados – Drons: Este curso conta con 220 horas de formación e 15 prazas. Serán impartidas en Lugo por profesionais do Aeroclub das Rozas. Con esta acción o organismo provincial cubre “a necesidade de formación nun dos nichos de mercado en expansión con máis posibilidades de medre”.
3.- Curso de Emprendemento: Está dirixido a 15 persoas que teñan unha idea de negocio e queiran montar unha empresa. A Deputación porá a disposición dos participantes un titor asignado que os asesorará en aspectos coma os modelos de negocio, ou estratexias de vendas, entre outras cuestións. Este curso o impartirán profesionais da Fundación CEL.
4- Desenvolvemento en aplicacións Android: Esta acción formativa, que conta con 15 prazas. Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán unhas 200 horas de formación a través de contidos dirixidos a aprender todo o relacionado co desenvolvemento nativo de aplicacións Android para poder crealas dende cero.
5- Técnico en automoción e de maquinaria agrícola: Nesta acción formativa, 15 lucenses recibirán unhas 250 horas de formación a través de contidos dirixidos a aprender operacións básicas de mantemento no motor e sistemas auxiliares en automóbiles e maquinaria agrícola, proporcionando os contidos teóricos e prácticos necesarios neste eido.

PUBLICIDADE