Epic Games ofrece de balde o xogo Grand Theft Auto V

xoves, 14 de maio do 2020 Marcus Fernández

A tenda de xogos de Epic Games está a ofrecer xogos de balde para atraer novos usuarios, chegando estes novos títulos o xoves ás 17:00 horas, o que hoxe provocou a caída do sistema por un volume impresionante de xogadores que querían aproveitar a oportunidade de facerse de balde coa versión para PC do xogo Grand Theft Auto V na súa Premium Edition (que inclúe un bono de cartos virtuais para empregar dentro do xogo, así como un lote de propiedades, negocios, armas, vehículos e obxectos). Cómpre lembrar que a posibilidade de incorporar o xogo de balde na nosa colección persoal manterase até o vindeiro xoves 21.
A avalancha de xogadores querendo facerse con este título era bastante predicible, xa que falamos dun dos produtos de lecer máis rendibles de todos os tempos, con máis de 120 millóns de copias vendidas en todo o mundo, do que o seu atractivo actual non é precisamente o xogo principal, senón o seu modo de xogo en liña, GTA Online, que leva anos sendo a principal fonte de ingresos para os seus desenvolvedores, polo que ofrecer o xogo de balde podería contribuír a incrementar aínda máis os beneficios da compañía, así como consolidar unha base de usuarios que levaría a que un futuro GTA VI fose un éxito seguro.

PUBLICIDADE