Epic Games regala Rayman Legends por tempo limitado

venres, 29 de novembro do 2019 Marcus Fernández

As tendas dixitais de videoxogos, co gallo do Black Friday, están nun dos seu períodos de rebaixas máis importantes do ano, pero ofrecer descontos de até o 75% durante estes días non é dabondo para chamar a atención dos usuarios, de aí que na Epic Games Store decidiron convidar aos xogadores a visitalos ofrecendo totalmente de balde un dos mellores xogos de plataformas dos últimos anos: Rayman Legends.
A promoción está dispoñible até o 6 de decembro, e só precisamos dunha conta na tenda de Epic para poder facernos con este xogo de xeito gratuíto. Rayman Legends ofrece divertida acción a través de máis dun cento de mapas, amenizando as aventuras con impresionantes deseños gráficos e divertidas cancións que converten a experiencia de xogo en toda unha festa.

Outro xogo de balde

Ao remate da promoción de Rayman Legends a tenda de Epic Games ofrecerá de balde o xogo Joton: Valhalla Edition, xogo con debuxos feitos a man, cheo de acción e exploración e ambientado nun mundo de mitoloxía nórdica que está protagonizado por unha guerreira viquinga chamada Thora, quen tras unha morte indigna ten que demostrar a súa valía ante os deuses para poder acceder ao Valhalla.

PUBLICIDADE