Epic Mickey: El Retorno de Dos Héroes terá versión para 3DS

luns, 26 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Tras a sorpresa de que Epic Mickey 2 será un xogo musical, continúa a chegar información da nova produción de Warren Spector, como a confirmación de que en PlayStation 3 será compatible co control PS Move e tamén contará cunha versión para Nintendo 3DS, o que sabemos polo feito de que Epic Mickey: El Retorno de Dos Héroes ocupa a portada do número de abril da revista Nintendo Power.
Para completar as informacións sobre este prometedor xogo para toda a familia, dende Joystiq amosan os prototipos de mandos para Wii cos que podería contar o xogo, e que serían as armas dos protagonistas do novo Epic Mickey, o pincel do rato Mickey (que empregarase en combinación co Nunchuk da Wii) e o mando a distancia do coello Oswald (que fará o propio co Wiimote). Uns accesorios que sen dúbida poderían ter boa aceptación nunha edición especial desta creación dos estudos Junction Point.


Trailer en español do xogo

Mickey emprega un pincel máxico durante o xogo
O Nunchuck da Wii pode vestirse do pincel do rato Mickey
O coello Oswald axuda a Mickey cun mando a distancia especial
O mando da Wii pode disfrazarse da arma de Oswald
Esta nova entrega de Epic Mickey seguirá na liña de homenaxear aos personaxes da Disney
O xogo ocupa a portada do último número da revista Nintendo Power

PUBLICIDADE