Epson deixará de vender impresoras láser en 2026

xoves, 17 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos anos vemos como algunhas tecnoloxías van quedando aparcadas por mor do seu elevado consumo enerxético, e a aposta por un futuro sustentable pode impactar seriamente no mercado de impresoras, ou iso podemos entender do anuncio de Epson de finalizar a venda e distribución de impresoras láser en todo o mundo para 2026, asegurando que a tecnoloxía de impresión de tinta pode contribuír máis á sustentabilidade.
Epson leva tempo promocionando a impresión con «tecnoloxía sen calor», explicando que a tecnoloxía de inxección non precisa de calor para expulsar a tinta, o que consegue un menor consumo enerxético, mentres que a tecnoloxía de impresión mediante láser precisa quecer a tinta, o que supón un elevado consumo enerxético, que podemos comprobar claramente ao ver a etiqueta enerxética das impresoras no momento da súa compra. As impresoras de inxección tamén están libres de certas substitucións periódicas de elementos (tambor, correa e fusor) como acontece coas láser, polo que xeran menos refugallos.
Aínda que as impresoras de inxección de tinta están asociadas tradicionalmente a un elevado prezo dos seus consumibles, nos últimos anos a cousa mudou bastante grazas ás tecnoloxías de impresión sen cartuchos, que no caso de Epson corresponde á familia de impresoras EcoTank, que promete un aforro de até o 90% en tinta.

PUBLICIDADE