Epson leva a Vigo a súa innovación sustentábel da man de Digipress

martes, 23 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Epson, o fabricante xaponés de impresoras e equipamento de automatismo industrial, vén de afianzar presenza en Vigo para aplicar e estender as súas recentes solucións en innovación sustentábel. A compañía, moi centrada nos últimos tempos en achegar respostas que melloren o rendemento ambiental das empresas e usuarios, pon o foco en Vigo da man da firma local Digipress, centrada en fornecer tecnoloxías avanzadas aos profesionais da industria gráfica. Máis en detalle, faino a través dun laboratorio (Lab_In Experiencie by Digipress) que funcionará como sala de demostracións adicada á tecnoloxía green de Epson.
O espazo tecnolóxico foi inaugurado este 10 de abril, nun acto ao que asistiron o alcalde Abel Caballero, e máis o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, amais dos representantes das dúas devanditas empresas.
En palabras de Óscar Visuña, director da División de Negocio de Epson Ibérica, “a innovación forma parte do ADN de Epson e, neste sentido, contar con centros como o novo Lab_In Experience de Vigo, onde se pon a disposición das empresas os nosos últimos avances en impresión sustentábel e proxección colaborativa, fai que todos os nosos esforzos e investimento en I+D cobren sentido”. Segundo engade, o obxectivo do fabricante internacional é claro: mellorar a calidade de vida das persoas e as contornas empresariais.
Así, ademais de diversas aplicacións de impresión de gran formato tanto para contornas corporativas como para traballos de artes gráficas e sector téxtil, o centro incorporou tecnoloxías de inxección de tinta empresarial que permiten reducir nun 96% o consumo enerxético, xerar un 99% menos de refugallos e reducir nun 92% as emisións de CO2, comparado con tecnoloxías de impresión láser.
Para Inés de Saa, xerente de Digipress, “é un verdadeiro orgullo contar coa colaboración de Epson neste proxecto e sentímonos enormemente satisfeitos do resultado. O Lab In Experience vai máis aló dunha relación comercial cos nosos clientes e alíñase co noso verdadeiro e gran obxectivo, dar resposta a todas as súas necesidades”. Segundo engade, o laboratorio é un importante avance na xestión da innovación responsábel, unha fonte de solucións tecnoloxicamente avanzadas que “van axudar ás empresas a superar os seus grandes retos en produtividade, eficiencia e redución do impacto ambiental”.

PUBLICIDADE