Eroski presenta as novidades da súa guía en liña do Camiño de Santiago, seguida por 2 millóns de usuarios

mércores, 26 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

A Fundación Eroski presentou hoxe en Compostela un proxecto tecnolóxico-cultural que non é novo pero que se refai cada pouco na Rede. Máis polo miúdo, trátase da Guía de Consumer Eroski, unha proposta en liña que naceu en formato papel no ano 99, dando conta de todo o relacionado co Camiño de Santiago, e que hoxe funciona xa como unha rede social por dereito propio, contando cunha taxa de rexistros que chega a rentes dos 2 millóns, cifra que se agarda superar este verán. A páxina, que ofrece unha escolma de itinerarios, albergues, consellos e foros, aparece sempre en primeiro lugar nas buscas de Google que se fagan sobre “Camiño Francés”, o que dá certa idea da súa relevancia entre a comunidade internauta. De feito, informou Eroski, a web é hoxe a máis visitada do mundo sobre esta temática.
Minutos antes da presentación da páxina no noso país, celebrada no Pavillón de Galicia en San Lázaro (Santiago), puidemos falar con Alejandro Martínez, director de Produtos Informáticos de Eroski, quen nos puxo ao tanto das novidades que achega para este verán. Entre estas, cómpre salientar unha apliacación, en breve dispoñible, que lles permitiría aos peregrinos carretar a guía con todas as súas funcionalidades no seu teléfono móbil.
Isto estará dispoñible para o iPhone ou para calquera outro móbil da maneira, sendo a intención da compañía Eroski non limitarse a unha única marca de dispositivo co fin de abranguer a máxima cantidade de usuarias e usuarios.
Precisamente as persoas que farán ou que fixeron xa o Camiño son os grandes piares da páxina presentada hoxe, unha guía envorcada na Rede en 2002 (dende o formato en papel orixinal) e que resume un pouco a tendencia experimentada polos servizos culturais e turísticos ao longo dos últimos anos en Internet. Así, informou Alejandro Martínez, a guía xurdiu amosando unha liña unidireccional, dos responsables da páxina aos internautas, e logo asumiu paseniño o formato multidireccional, á vista hoxe, apostando polas vantaxes da rede social con todo o que iso implica: opinións e imaxes dos usuarios, consellos, avisos, procura de compañeiras/os. “Os usuarios son a clave”, comenta Alejandro, e segue: “Nós achegamos a base da web e o resto, a experiencia mesma, corre a gardo deles”. Respecto á clave do éxito da páxina, o director de Produtos Informáticos de Eroski teno ben claro: “A chave é a regularidade, a constante actualización e o subministro do dato preciso. Non facer publicidade de ningún tipo, nin de hoteles nin de restaurantes nin de casas rurais. Deixar de lado os intereses e permitir que sexan os internautas os que acheguen o seu punto de vista directo. Este, o da participación, é unha das claves principais do éxito da web”.

PUBLICIDADE