Especialistas en comunicación amosaron en Mondariz o potencial das TIC como canles para un mundo máis xusto

xoves, 20 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Os Encontros de Mondariz-Balneario puxeron esta semana á nosa terra no epicentro do debate acerca das novas tecnoloxías e o papel que representamos ao abeiro delas. Logo das sesións do primeira día da nova entrega da xuntanza, organizada pola Fundación Carlos Casares para afondar nas vantaxes e nas eivas da Sociedade do Coñecemento, as actividades proseguiron ao día seguinte, mércores, cunha completa xeira de relatorios e mesas redondas na que participou un importante número de especialistas, investigadores e xornalistas, todos eles tomándolle o pulso ás novas tecnoloxías como recursos para unha orde social, política e económica máis xusta.
Segundo informa a organización do evento, na sesión de mañá da segunda xornada dos Encontros, os asistentes tiveron a oportunidade de escoitar ao investigador principal para o Mediterráneo e o mundo árabe do Real Instituto Elcano, Haizam Amirah Fernández, que tratou o tema Información, poder e democracia nas dúas beiras do Mediterráneo. Amirah, informa a Fundación, sinalou como os tópicos do mundo árabe alimentados polos medios de comunicación foron modificados por Al Jazeera a partir do ano 1996. Hoxe en día, dixo, as redes sociais e a mensaxeiría instantánea permítelles aos internautas da outra beira do Mediterráneo dar un paso máis alá na información ofrecida polos medios de comunicación, “conseguindo visibilizar as súas accións de protesta”. Neste novo contexto, o que busca a sociedade son solucións colectivas a problemas compartidos, e todo actuando ombro con ombro, polo ben común e sen consignas. Amirah cualificou este proceso como “transárabe”. Asemade, fixo saber que nas rebelións árabes un patrón común: un inicio pacífico que logo vai derivando, dependendo de cómo reaccione o goberno, en rupturas e reaccións sociais ás que xa practicamente non lles queda máis remedio que asumir o camiño da forza.
No faladoiro da tarde, Hakan Casares, Lois Rodríguez Andrade e Luis Cuntín desenvolveron co público asistente un diálogo baixo o título Os hábitos tecnolóxicos e o poder, no que, segundo nos conta a organización da xuntanza, amosáronse algúns dos aspectos máis relevantes da revolución das comunicacións e os cambios de poder que se están a producir ao seu abeiro, a través do uso intensivo, entre a xente nova, das novas canles de tipo social, incluídos os teléfonos móbiles, potencialmente eficaces no que se refire ao espallamento da información e o establecemento de cadeas-convocatorias. Ás 20 horas, M´Jahed Younes, presidente do Sindicato Nacional de Prensa Marroquí (SNPM) e vicepresidente da Federación Internacional de Prensa (FIP) tratou o tema da información e as redes sociais no mundo árabe, centrado especialmente nas novas configuracións no mundo da prensa.
Trala cea tivo lugar unha actuación de fado por cortesía de María do Campo.

PUBLICIDADE