Esta fin de semana A Coruña celebra unha nova edición de inverno da Hobbycon

venres, 4 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Esta fin de semana o recinto do PALEXCO acollerá unha nova edición da Hobbycon, que de 10:00 a 20:00 horas do sábado e do domingo celebrará unha das súas edicións de inverno adaptándose ao contexto pandémico procurando evitar as aglomeracións de persoas e esixindo a presentación do certificado de vacinación na entrada e o uso de máscara en todo momento, co que pretenden manter un equilibrio entre a seguridade e a recuperación progresiva da normalidade nos eventos presenciais, servindo así de quecemento para un previsible evento multitudinario o vindeiro verán.
Este encontro que xunta actividades relativas ao mundo dos videoxogos, á música pop coreana, aos xogos de mesa e ao lecer alternativo en xeral, está a empregar a súa conta de Instagram como principal canle de comunicación para dar conta das súas actividades.
Como grande cambio con respecto a edicións anteriores temos que desta volta non haberá competicións de videoxogos programadas (agás dos xogos musicais Just Dance e UltraStar), senón que celebraranse pequenos torneos amigables baixo demanda, buscando así que se poidan realizar competicións sen aglomeracións de xente, á vez que permiten que calquera asistente poida xogar.
Tamén cómpre salientar que o domingo celebrarase un pequeno ciclo de relatorios sobre psicoloxía e saúde mental, que abrirá a psicoterapeuta Claudia Pradas cunha charla sobre comunidades en liña e o seu impacto na saúde mental, actividade especialmente dedicada a grupos de xogo, equipos, clans e canles de Discord que tan importantes foron para a vida de moitos mozos durante os períodos de confinamento. Seguiraa a psicóloga deportiva María Núñez, quen afondará na ansiedade nos deportes electrónicos.
O sábado, por outra banda, tamén pode resultar de interese o relatorio de @fatisuki_, quen dará conta das súas experiencias como creadora de contido en Instagram e TikTok.
Os interesados en acudir deberán pagar 8 euros por día no despacho de billetes, con entrada de balde para os menores de 9 anos.

PUBLICIDADE