Esta fin de semana poderá xogarse de balde á beta de Diablo III

venres, 20 de abril do 2012 Marcus Fernández

Durante esta fin de semana (concretamente entre as 21:01 horas do venres e ata as 19:00 horas do luns) será posible acceder de balde á versión de proba do xogo Diablo III, que chegará ás tendas o vindeiro 15 de maio e que é un dos títulos máis agardados do ano, contando con toda unha lexión de seareiros da saga que levan esperando máis dunha década por este xogo de rol de acción de Blizzard.
A demo de Diablo III permitirá conectarse aos servidores do xogo, formar equipo cos amigos e xogar con cada unha das 5 clases heroicas ata nivel 13 para defender ao mundo dunha invasión demoníaca. Será preciso contar cunha conta de usuario en Battle.net e descargar a aplicación cliente do xogo para poder gozar desta beta dispoñible tanto para equipos con Windows coma con Mac OS X.

Diablo III chegará máis de 10 anos despois da súa anterior entrega

PUBLICIDADE