Estréase en YouTube o vídeo gañador de Quero Cantar en modalidade infantil: A peor xogada

martes, 18 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A pasada semana estrouse o vídeo gañador (na categoría infantil) do último certame Quero Cantar en dous escenarios diferentes pero complementarios: a rede YouTube, por unha banda, e o CEIP de Caión, pola outra. Como lembraremos, Quero Cantar é un concurso impulsado pola Deputación da Coruña para fomentar a creatividade musical e audiovisual na nosa lingua, poñendo o foco nas novas xeracións de talentos e máis nas redes sociais. Nesta última edición do certame musical impúxose na dita modalidade infantil A peor xogada, de A Música das Baleas, agrupación xurdida no CEIP de Caión, contando coa tutela musical e artística do profesor Jose Carballido.
Como dixemos, o vídeo presentouse o 13 de febreiro por partida dupla. No acto celebrado no CEIP de Caión, no que participou o deputado de Cultura, Xurxo Couto, que salientou a importancia de estimular o talento que medra hoxe en día nos centros educativos e puxo o foco no “gran esforzo que as nenas, os nenos, o profesorado e tamén as familias realizan neste tipo de proxectos; ese traballo acaba regalándonos a todos creacións tan fermosas como A peor xogada”, dixo.
Logo dun coloquio no que participaron as nenas e nenos do colexio e o profesor Jose Carballido, proxectouse o videoclip, unha destacada peza audiovisual na que, en materia de escenarios, tirouse proveito da privilexiada contorna do centro, situado á mesma beira do mar. A historia do vídeo, que xa amorea preto de 3.300 reproducións en YouTube, é un chamamento a prol do diálogo como forma de resolución de conflitos, que é a cerna da mensaxe contida na letra de A peor xogada. Tras rematar o acto, o vídeo publicouse tamén nas diferentes redes sociais do certame e na súa páxina web.

<smallVídeo de A peor xogada

PUBLICIDADE