Estrella Galicia aposta pola experiencia galega para a súa xestión documental

xoves, 15 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A asociación Agasol está arestora a informar dunha boa nova para o eido galego de tecnoloxías do coñecemento, e máis polo miúdo para o tecido empresarial de software libre: a aposta a prol do código aberto de xestión por parte dunha compañía representativa do noso tecido produtivo, Estrella Galicia. A aposta, que comezou hai dez anos coa documentación e optimización das relacións da empresa cos seus clientes, vén de chegar a un intre de especial importancia: o espallamento do proceso a todos os departamentos da compañía. Finalmente e segundo engade Agasol, a elección dos soportes e infraestrutura para este novo paso no control dos procesos foi dobremente positiva: por unha banda apostouse por un programa de administración de contidos libre (que ceiba a Estrella Galicia dos custes por licenza pechada e achégalle meirande marxe de manobra) e, pola outra, amosouse un compromiso pola achega tecnolóxica galega, representada neste caso pola firma Queres, integrante da devandita Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e especializada en xestión documental. Os traballos de Queres na cervexeira, amais da implantación e adaptación do programa libre Alfresco, centráronse en boa medida na análise previa de requisitos e necesidades e na integración propiamente dita.
Máis en detalle e segundo sinala Víctor Fariña (un dos responsables de Queres), o labor desenvolvido está a ser algo máis que un simple proceso de dixitalización: “Imos departamento a departamento. Empezamos hai pouco máis dun ano e algunhas desas seccións xa están a usar Alfresco, por exemplo a que se encarga de toda a xestión de provedores, pero é un labor que por forza se ten que estender uns meses no tempo porque se trata de pasar toda a documentación en papel a dixital”.
Ao seu xuízo, a opción elixida é a máis axeitada pola súa simplicidade, entre outras características: “Con Alfresco pódese acceder á unidade documental coma se fose unha unidade de Windows, aínda que está nun servidor Linux. E é unha opción moi madura e é máis barata porque a empresa na que se implanta paga por ese servizo, non pola licenza”, engade Fariña. A idea, como se pode deducir, era o ofrecer a meirande marxe de manobra para a empresa e os traballadores e, en última instancia, contribuír no seo mesmo da empresa á dixitalización de todos os procesos, mellorando deste xeito a calidade de vida do persoal da compañía, libre finalmente dos procesos de manexo de información tradicional: papel e máis papel: “Integramos a nova aplicación cos escáneres de maneira que se antes as facturas que lles chegaban por correo electrónico imprimíanas, agora intégranas en Alfresco directamente e as que chegan en papel se escanean e intégranse no xestor documental”, explican os responsables de Queres. Segundo engade Agasol, o proceso complétase coa validación da factura, función na que o propio software participa de xeito activo ao derivar un aviso por correo electrónico á persoa encargada de validala.

PUBLICIDADE