Europe Direct A Coruña abre un espazo virtual en 3D sobre política ambiental europea

venres, 13 de maio do 2022 S. P.

A oficina Europe Direct A Coruña, dependente da Deputación, abriu estes días un innovador servizo de información: o servizo Estación Verde, unha contorna virtual en tres dimensións con información, vídeos e contidos didácticos sobre o Pacto Verde Europeo.
A entidade provincial fixo saber que este espazo dixital e natural, nun bosque rodeado de árbores, “permite ás persoas usuarias desprazarse e explorar a Estación Verde de maneira autónoma para descubrir os seus contidos”. Está xa dispoñíbel na web da Deputación.
Nesta contorna virtual as persoas visitantes poderán realizar unha visita virtual á mostra Pacto Verde Europeo de Europe Direct A Coruña que percorrerá este verán cinco concellos da provincia, así como outros contidos creados por e para a mocidade. Entre eles, cómpre destacar os vídeos creados por mozos e mozas de oito centros educativos de Galicia.
Durante os últimos meses, estes centros educativos, implicados na rede de escolas activas en asuntos europeos da dita oficina da Deputación estiveron traballando nas aulas sobre contidos de medio ambiente e sustentabilidade para crearen propostas audiovisuais ao redor desta temática. No proxecto participan seis Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo en Galicia: IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, IES Valle-Inclán (Pontevedra), Colexio Miraflores (Ourense), Colexio Padre Feijóo-Zorelle (Ourense) e Colexio Vivas (Vigo). Ademais, sumáronse ao proxecto o CEIP Sigüeiro de Oroso e o IESP Pedra da Aguia de Camariñas, centro este último cunha dilatada traxectoria en actividades europeas.

PUBLICIDADE