Evelb obtén o certificado máis alto do Esquema Nacional de Seguridade (ENS)

mércores, 24 de marzo do 2021 S. P.

Tamara Cutrín, responsábel do Sistema Integrado de Xestión en Evelb

Evelb, empresa tecnolóxica galega, vén de obter un importante recoñecemento ao seu compromiso coa seguridade e aos seus esforzos en materia de protección ao servizo dos clientes e, tamén, do seu equipo profesional. Estamos a falar do certificado de máximo rango no Esquema Nacional de Seguridade (ENS).
Grazas a esta distinción, Evelb poderá establecer unha política de protección no uso de medios electrónicos de máximas garantías. “A entrada no ENS”, sinala a empresa con sede no Polígono de Milladoiro, “supón o cumprimento obrigatorio de 377 estándares de seguridade que se someten a auditoría cada dous anos”.
A firma tamén nos conta que o acceso á dita certificación era unha prioridade para a estratexia empresarial de Evelb, pois “é un aspecto diferenciador como organización e especialmente relevante de face aos seus clientes”. En concreto, a exhaustivas auditorías ás que hai que someterse para obter a entrada ao ENS, e tamén unha vez nel, implican que a seguridade dos datos no ámbito da Administración Electrónica cumpre os esixentes requisitos estipulados no Real Decreto 951/2015, de 23 de outubro.
“O noso principal obxectivo coa certificación do ENS é conseguir a confianza dos nosos clientes ante o uso de medios electrónicos, pois con el garantimos a adecuada protección dos sistemas de información”, explica Tamara Cutrín, responsábel do Sistema Integrado de Xestión en Evelb.
Proceso de obtención
A empresa sentou durante o pasado ano os alicerces para a súa entrada no ENS, establecendo un sistema de xestión composto no seu momento polas normas ISO 9001 Xestión de Calidade, ISO 14001 Xestión Ambiental e ISO 50001 Xestión Enerxética. A todas elas súmase agora o certificado máis alto do ENS, unha credencial que, como dixemos, supón a posta en marcha de 377 requisitos fundamentais de obrigado cumprimento.
“As demandas para obter o certificado máis alto do ENS son amplas e diversas”, explica Cutrín, engadindo “que estas demandas van desde utilizar sistemas, produtos ou equipos cuxas funcións de seguridade e o seu nivel fosen avaliados conforme a normas europeas e internacionais, certificados por entidades independentes de recoñecida solvencia, até dispor de medios alternativos que permitan seguir ofrecendo os servizos, en caso de indispoñibilidade dos habituais, tanto desde o punto de instalacións, como de infraestruturas TI ou persoais”.
Para encarar estes retos, Evelb estipulou diferentes roles dentro da súa organización, cun comité formado por catro responsábeis de distintas áreas estratéxicas que traballarían en equipo para conseguir executar os requisitos que o Esquema Nacional de Seguridade demanda. Estes foron Tamara Cutrín, responsábel do Sistema Integrado de Xestión; Julio Nimo, responsábel de Seguridade; Ernesto Castro, da Información e do Servizo, e Raúl Paz, responsábel de Compras. “Queremos deixar patente a importancia que o equipo humano tivo na consecución dunha certificación tan importante para Evelb como é a entrada no Esquema Nacional de Seguridade. Foi un proceso longo e de moito esforzo, pero tamén nos serviu para axuntar de forma exitosa o traballo de varios departamentos nun proxecto paralelo cun fin común. Estamos moi satisfeitos e orgullosos”, afirmou Marcos Fontáns, director executivo (CEO) de Evelb.

PUBLICIDADE