Everis contratará 30 profesionais do ámbito tecnolóxico na Coruña

luns, 17 de outubro do 2016 Redacción

Everis, consultora tecnolóxica multinacional, vén de anunciar a contratación de 30 profesionais na Coruña ao longo dos vindeiros doce meses. Segundo engadiu a compañía de orixe española nun comunicado, a meirande parte das contratacións (o 80%) serán de mozas e mozos recentemente licenciados en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). A porcentaxe restante corresponderá a profesionais “con experiencia especializadas/os en tecnoloxías máis innovadoras”. A día de hoxe, Everis acubilla nas súas instalacións da Coruña unha equipa de máis de dous centenares de consultores.
Máis polo miúdo, a consultora tecnolóxica seleccionará para a súa ampliación de persoal mozas e mozos acabadas/os de titular en Informática, Telecomunicacións, Industriais, Matemáticas, Físicas, Administración e Dirección de Empresas, así como outras enxeñarías.
Como dixemos, Everis tamén anunciou a contratación de profesionais específicos sobre tecnoloxías avanzadas de xestión e desenvolvemento, máis en detalle titulados en ciclos formativos de grao superior en desenvolvemento de aplicacións multiplataforma, desenvolvemento de aplicacións web, administración de sistemas informáticos en rede e sistemas de telecomunicación e informática.
En canto a profesionais con experiencia, a firma quere contratar a profesionais especializados en ámbitos como información masiva (Big Data), computación na nube, mobilidade, Internet das Cousas (IoT) ou “talento dixital en xeral”.
A ampliación de equipo de traballo en Galicia non é un feito illado. De feito, forma parte dun espallamento que atinxe a todo o territorio estatal, un ámbito no que Everis quere incorporar un total de 2.500 profesionais, complementando este proceso coa posta en marcha dun programa de 600 bolsas para estudantes “co obxectivo de incorporalos á compañía tras a realización do período de prácticas”. Na Coruña a previsión é que polo menos 10 persoas se unan á consultora a través do programa de bolsas.
“Estas previsións de contratación”, explica Everis sobre a orixe do proceso, “responden aos bos resultados da empresa en España, que é o terceiro mercado europeo onde máis medrou e o principal para a multinacional”. Máis en detalle, o seu crecemento en España durante o pasado exercicio fiscal foi do 19,3%, acadando os 474 millóns de euros, e a previsión de Everis é a de manter esa tendencia á suba durante o vindeiro ano.

PUBLICIDADE