Éxito nas comunidades en liña do filme galego O Apóstolo, que se estrea este mércores

mércores, 31 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Finalmente xa temos O Apóstolo, a gran aposta do noso audiovisual, nas pantallas grandes. Logo dos éxitos acadados por diversos festivais, incluído o de Sitges, chega ás salas de cinema de todo o Estado e da mellor maneira posíbel: acabando puntuacións moi salientábeis nas principais comunidades en español sobre cinema, tanto en Filmaffinity (onde acada unha nota de notábel a través da media das votacións dos seareiros) como Imdb.es (onde chega a obter nada máis e nada menos que un sobresaínte). Lembremos que se trata da primeira película europea de animación stop motion desenvolvida en 3D estereoscópico.
Este martes 30, sen ir máis lonxe, celebrouse en Santiago, no Salón Teatro, a preestrea galega do filme, un acto que contou coa presenza do conselleiro de Cultura en funcións Xesús Vázquez Abad, e máis do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. A longametraxe vén da man da produtora galega Artefacto Producións e foi dirixida polo compostelán Gonzalo Cortizo, presente na premiere xunto cos actores Manuel Manquiña e Carlos Blanco; e mais o músico Xavier Font; un dos compositores da banda sonora.
Segundo informa a Consellería, a elección do 31 de outubro como data da estrea comercial de O Apóstolo ten que ver coa relación existente entre a temática escura da fita e o Día de Defuntos. O protagonista, un preso fuxido do cárcere, verase ensarillado en estraños e inquietantes sucesos ao intentar recuperar un botín que fora escondido anos atrás nunha apartada aldea do Camiño de Santiago. “Anciáns sinistros, estrañas desaparicións, un peculiar sacerdote e ata o arcipreste de Compostela conflúen nunha trama chea de intrigas”, infórmase.
A longametraxe, como dixemos en Código Cero con motivo da posta en marcha do proxecto, é innovadora en canto ao desenvolvemento do mesmo (a través da técnica do crowdfounding, procurando apoios orzamentarios a través das redes) e tamén no que se reifre ao seu sistema de rodaxe. Usouse unha metodoloxía nunca antes empregada, a animación stop-motion en 3D mesturada coa participación directa dos actores que reais que dan vida aos personaxes virtuais nos que se inspiran. Así, os actores protagonistas da versión española –Jorge Sanz, Geraldine Chaplin, Paul Naschy, Carlos Blanco, Xosé Manuel Olveira Pico, Luis Tosar, Manuel Manquiña, Celso Bugallo, Isabel Blanco e Pedro Alonso, entre outros– non lles cederon soamente a súa voz aos monecos que dan vida aos personaxes, senón que eles mesmos interpretaron previamente todas as escenas, de xeito que os seus xestos e expresións reais lles serviron de inspiración aos animadores.

PUBLICIDADE