ExpOtaku abre a venda de entradas para a súa edición de inverno
luns, 12 de agosto do 2024
Tras o éxito da edición de maio de ExpOtaku, o encontro no que se xuntan o anime, o cosplay, os videoxogos e outros elementos da cultura asiática no recinto de EXPOCoruña anuncia a súa Re:Edition, que é como dan en chamar a súa edición da inverno, que se desenvolverá o sábado 16 de novembro de 10:00 a 21:00 e o domingo 17 de novembro de 10:00 a 20:00 horas.
Os interesados en acudir poden xa adquirir a súa entrada a un prezo de 8 euros/día (ou 14 euros ambos días), así como consultar o programa de actividades desta feira de asistencia multitudinaria.
Dentro do programa podemos salientar a celebración de variados concursos no seu escenario principal; os postos que ao longo de ambas xornadas permiten o xogo libre a títulos de Nintendo Switch, PlayStation 4, PlayStation 5, PlayStation VR, Xbox One e Xbox Series X|S; os torneos de distintos videoxogos (Pokémon Escarlata e Púrpura, Naruto Shippuden Ultimate Ninja Storm 4: Road to Boruto, Dragon Ball FighterZ, Mario Kart 8 Deluxe, Street Fighter 6, FC 24, Tekken 8, Super Smash. Bros. Ultimate, Jojo’s Bizarre Adventure: All Star Battle e My Hero One’s Justice 2); a posibilidade de gozar dunha máquina de baile Pump It Up; e máis actividades que irán desvelando conforme se achegue a data de celebración desta cita ineludible para os amantes da cultura afín ao manga e o anime.