Expulsan de YouTube a Borja Escalona tras un incidente cun local de Vigo

martes, 16 de agosto do 2022 Marcus Fernández

A semana pasada o local vigués A Tapa do Barril situado na praza Porta do Sol tivo que publicar un comunicado para dar conta dun incidente bastante lamentable, no que un cliente que se autodefine como youtubeiro, pretendía comer unha empanadilla de balde, por considerar que estaba a propocionar o local, e a negativa da camareira a non cobrarlle a consumición, o energúmeno quixo extorsionar á emprega asegurándolle que ía pasarlle unha factura de 2.500 euros en concepto de promoción, e ao saír do establecemento, retransmitindo todo o acontecido en vídeo, púxose a falar mal da empanadilla que sabía ben até que lle fixeron pagar por ela.
Esta anécdota non tería pasado de aí se non fose porque o aspirante a influente non instigase aos seus seareiros a ter un comportamento contra o establecemento, o que traduciuse en comentarios negativos (e claramente falsos) en Google e chamadas telefónicas insultantes, levando a que os responsables de A Tapa do Barril tivesen que anunciar que tomarían medidas legais.
O suceso conseguiu viralizarse a xeito de denuncia dos abusos que algunhas celebridades na Internet comenten contra locais de hostalaría aproveitando o peso que actualmente ten a Rede para o éxito comercial, pero non só iso, senón que conseguiu dar relevancia ao protagonista do despropósito, Borja Escalona, que pese a ir de estrela da Rede era un descoñecido para o grande público.
Cando emerxeron as críticas contra o proceder de Escalona contra a camareira de A Tapa do Barril fíxose un repaso dos precedentes do suposto youtubeiro, destacándose cando rachou o nariz a unha señora lanzándolle unha cortadora de cabelo contra a cara (cando pretendía darlle a un transeúnte que fuxía dunha das súas bromas pesadas), así como as violacións de propiedades privadas (principalmente estadios de fútbol), coarse no metro ou incluso vulnerar a dignidade de indixentes... E precisamente todo este tipo de contidos son os que levaron a que numerosos usuarios fosen en masa a denunciar antes as plataformas sociais a Escalona, provocando así o peche das súas canles de YouTube e Twitch por infrinxir as normas dos servizos.
Borja Escalona incluso cometeu o grave erro de abrir unha segunda canle de YouTube para tentar aproveitar o momento, de xeito que foi clausurada de xeito case instantáneo, polo que vai resultar bastante complicado que poida volver ás andadas, pois as plataformas non queren ter contidos que causen rexeitamento (especialmente de anunciantes, que non queren que se lles poida ligar de ningún xeito con comportamentos que atentan contra a dignidade humana).

PUBLICIDADE