FACUA denuncia a Movistar polo seu novo servizo de chamadas perdidas

mércores, 13 de abril do 2011 Raquel Noya

Dun tempo para aquí, os usuarios de telefonía que chamamos a clientes de Movistar que polo que sexa comunican, non contestan, están fora de cobertura ou teñen o móbil apagado, recibimos a resposta dun señor moi amable que nos convida xenerosamente a deixar unha mensaxe de voz que o sistema transformará en mensaxe de texto para evitar que o teñamos que escribir nos. Deste xeito, o que quedaría rexistrado como unha simple chamada perdida, convírtese nunha boa parte dos casos en ingresos para Movistar por envío de SMS.
Este servizo, do que falamos recentemente en Código Cero por causar un claro malestar entre os usuarios de telefonía (ao terse activado sen solicitude expresa dos seus usuarios), vén de provocar que Consumidores en Acción denuncie a Movistar perante as autoridades de Consumo, por “dar de alta sen autorización un novo servizo de buzón de mensaxes aos clientes de móbil que non teñen activado o buzón de voz”.
Movistar activoulle aos clientes sen buzón de voz este servizo con claro afán recadatorio polo que FACUA válese do artigo 89.4 do Real Decreto Lexislativo 1/2007, de 16 de novembro (polo que se aproba o texto refundido da Ley General para la Defensa de los Consumidores y Usuarios e outras leis complementarias) para denunciar a Movistar por unha práctica abusiva: “a imposición ao consumidor e usuario de bens e servizos complementarios ou accesorios non solicitados”.
Esta denuncia chega logo de que a compañía non contestara á reclamación de FACUA que lle demandaba “que dera de baixa este servizo non solicitado de maneira que sexan os usuarios os que decidan se queren ou non activalo”.
Agora a Asociación pediulle a distintas administracións competentes “que tomen medidas contra Movistar por estas irregularidades”.
Entre outros organismos, FACUA remitiulle as súas denuncias á Dirección Xeral de Consumo da Comunidade de Madrid, onde Movistar ten a súa sede social e ao Instituto Nacional de Consumo (INC).
Para desactivar este servizo de chamadas perdidas hai que chamar ao número 22217 e seleccionar a opción 2.

PUBLICIDADE