Santiago acolle este martes unha xornada para fomentar a colaboración a prol de tecnoloxías intelixentes e limpas

luns, 23 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Entre os moitos camiños que percorre a tecnoloxía ao longo da historia hai uns cantos que se dirixen a mellorar a propia tecnoloxía. Son camiños de optimización da mesma, de aforro de enerxía, de minimización dos tempos, de redución de riscos, de facer posíbel que se poida carretar dun lugar a outro (mobilidade), etc. Estes camiños estarán abertos, con vistas ao futuro inmediato, na xornada que se celebra o martes 24 de xullo na sede de FEUGA, en Santiago (polo miúdo en formato PDF). A xuntanza vén da man da Plataforma Tecnolóxica Galega de Medioambiente (ENVITE), da Plataforma Galega de Loxística (LOXISCA) e da Plataforma Vindeira, e celébrase baixo o epígrafe A eco-nomía intelixente: smart and green economy.
Durante o transcurso deste encontro de balde, organizado e promovido entre as tres plataformas devanditas, daranse a coñecer os diversos programas de financiamento do CDTI para proxectos de investigación próximos á materialización no mercado, amais de programas europeos para iniciativas tecnolóxico-dixitais con aplicacións no medio ambiente, na busca de enerxías limpas, alternativas e rendíbeis, e máis na mobilidade. A xornada tamén dará acubillo á presentación dunha serie de casos prácticos nesta aposta pola innovación e polas tecnoloxías de menor consumo. A xuízo da organización, estamos ante un panorama produtivo especialmente interesante ao que dirixir os nosos esforzos, un panorama que con toda certeza vai xerar unha manchea de oportunidades de negocio a curto e medio prazo.
A xornada diríxese tamén a amosar o potencial da colaboración, entre empresas e centros de I+D, entre empresas e empresas, entre clusters e clusters, etc. Por este motivo as entidades organizadoras presentarán o seu potencial en materia de investigación e desenvolvemento no plano da smart and green economy, potencial que é en si mesmo unha chamada á cooperación e ao traballo conxunto coas empresas.

PUBLICIDADE