FEZ estrea versión para PC

xoves, 2 de maio do 2013 Marcus Fernández

Os usuarios de PC por fin poden gozar de FEZ, o grande xogo independente de Polytron que foi un dos grandes éxitos para Xbox 360 vendendo máis de 200.000 copias descargables, o que é todo un logro para un produto desenvolvido practicamente por unha única persoa, Phil Fish, que agora ofrece este título a 9,99 dólares a través da súa páxina web e das tendas en liña de GOG e Steam. Na última tenda tamén está dispoñible por 13,99 euros unha versión do xogo que inclúe a súa banda sonora (e que tamén pode mercarse por separado por 5,99 euros).
Estamos ante un fermoso xogo que mestura plataformas e quebracabezas dun xeito moi orixinal, pois os presenta unha aparencia un chisco infantil, pero cunha proposta innovadora: o protagonista, Gómez, é unha criatura nun mundo 2D que descubre a terceira dimensión, o que contribúe a abordar distintos retos dun xeito diferente. O xogo inclúe numerosos enigmas que resolver, supondo todo un reto para o xogador dun xeito que dificilmente veriamos nun título dunha grande distribuidora, chegando incluso a obrigar ao usuario a coller lapis e papel para resolver algún dos problemas a solucionar.

FEZ dá por fin o salto de Xbox 360 a PC


Trailer de lanzamento da versión para PC de FEZ

PUBLICIDADE