FIFA 12 incorporará un novo motor de colisións

venres, 27 de maio do 2011 Marcus Fernández

Despois do verán chegarán os inevitables videoxogos de fútbol, e como vén a ser habitual, os seus estudos de desenvolvemento volven a prometer que incorporarán numerosas novidades que no quedarán nunha mera actualización das bases de datos de xogadores e equipos. Pero aínda que parece evidente que na presente xeración de consolas as dúas franquías de referencia non van experimentar un cambio de motor que supoña un salto evolutivo, algunhas melloras poden suplir tal carencia, como o novo motor de colisións de xogadores que vai incorporar o FIFA 12.
Dende EA Sports aseguran que o novo motor de físicas vai mudar profundamente o seu simulador deportivo, pois o Impact Engine dotará de realismo ás entradas e aos choques entre xogadores, de xeito que agora os resultados das loitas polo balón decidiranse analizando distintos factores (velocidade, peso, forza, postura…) para decidir a resolución dunha xogada e se esta remata en lesión (en vez de empregar un mero contador de caídas). Esta prestación só estará dispoñible nas versións de Xbox 360 e PlayStation 3 do xogo.
Para facernos unha idea do que supón esta mellora, podemos ver o Impact Engine en acción no seguinte vídeo:


FIFA 12 tamén mellorará a súa xogabilidade, centrándose nos regates de precisión (engadindo un maior realismo ao toque do balón en espazos curtos) e a defensa táctica (que dará maior importancia ao aspecto estratéxico da mesma). Os xogadores tamén contarán con Intelixencia Avanzada, de xeito que as súas habilidades e puntos fortes afectarán ás súas decisións no xogo.

O xogo promete múltiples melloras máis aló do Impact Engine

PUBLICIDADE