FIFA 13 estréase en Windows Phone 8

luns, 8 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Nokia vén de pechar un acordo con EA para levar o seu xogo FIFA 13 a Windows Phone 8, reservándoo en exclusiva (posiblemente temporal) para usuarios de teléfonos da familia Lumia que teñan como mínimo 1 Gb de RAM. Con este lanzamento enriquécese o reducido catálogo de xogos de fútbol para terminais con Windows Phone, superándose sobradamente aos seus competidores ao achegar uns gráficos detallados e as licenzas que facilitan que estean dispoñibles no xogo 30 ligas, 500 equipos, máis de 15.000 xogadores e 32 estadios oficiais.
O xogo está á venda por 4,99 euros (prezo moi semellante ao que ten a versión para iOS, actualmente á venda por 4,49 euros, aínda que curiosamente nos EE.UU. o xogo de iOS é sensiblemente máis cara: 6,99 dólares) e a súa principal eiva é a carencia do modo multi-xogador en liña.

JPEG - 174.1 KB
Nos planos curtos o xogo amosa uns gráficos moi detallados

PUBLICIDADE