FIFA 14 chega de balde a iOS e Android

martes, 24 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Os afeccionados aos xogos de fútbol teñen esta semana a chegada do xogo estrela do xénero, FIFA 14, para practicamente todas as plataformas de xogo tradicionais, e tamén para dispositivos móbiles, destacando nestas últimas plataformas o feito de que este ano o popular xogo opta pola fórmula do Free-to-Play, de xeito que pode descargarse de balde para Android ou para iOS, podendo realizarse logo pagamentos dende o xogo (converter o xogo na súa versión Premium custaría 4,49 euros).
A versión móbil de FIFA 14 pode presumir de contar con 33 ligas, máis de 600 equipos e máis de 16.000 xogadores reais, dende a Premier League inglesa ata a Liga española, podendo visitar 34 estadios reais e incluso podendo escoitar os comentarios durante os encontros en inglés, francés, alemán, italiano e español, aínda que cómpre avisar de que non se trata dunha descarga cativa (precisa de 1,35 Gb de espazo libre no noso dispositivo).
Pese a estarmos ante un xogo para smartphones e tablets, conta con numerosas opcións das que estamos afeitos nas versións domésticas, como crear un Ultimate Team (gañando, intercambiando, mercando e vendendo xogadores FIFA para crear o equipo dos teus soños) ou xogar en liña contra os nosos amigos (esta opción non está dispoñible na versión para Android), podendo incluso compartir os mellores momentos en liña coa opción Repetición. Tamén permite desbloquear os modos de xogo Mánager, Torneo e Partido rápido.

JPEG - 243 KB
O xogo contrólase de xeito táctil nas súas versións para iOS e Android

PUBLICIDADE