FIFA 14 estrea versión táctil para Windows 8

luns, 31 de marzo do 2014 Marcus Fernández

O xogo deportivo de Electronic Arts FIFA 14 chegou no outono a ordenadores, consolas de videoxogos e dispositivos móbiles con iOS e Android, polo que pode resultar un tanto sorprendente que finalmente desembarque de balde na tenda de aplicacións de Windows 8 como un xogo optimizado para dispositivos con pantalla táctil en contraste coa versión dixital para PC á venda por 39,95 euros (en edición física custaría 10 euros máis).
Estamos ante un xogo que pouco ten que ver coa versión ordinaria de PC, senón que achegaría a mesma experiencia que o xogo para iPad e tablets con Android, que permite un uso limitado de balde, podendo eliminarse as restricións presentes mediante pagamentos integrados na aplicación (abrindo así modos de xogo como Mánager, Torneo e Partido rápido). O xogo conta con 34 ligas, máis de 600 equipos con licenza e máis de 16.000 xogadores; inclúe comentarios en español e tamén conta coa posibilidade de gañar, intercambiar, comprar e vender xogadores de FIFA para crear un equipo virtual (Ultimate Team).
O xogo non só funciona con procesadores Intel, senón tamén con procesadores ARM, de xeito que practicamente sería compatible con todos os tablets con Windows 8 do mercado (aínda que dende EA advirten que podería dar problemas con algunha gráfica ATI). Cómpre destacar que este xogo, ao estar optimizado para dispositivos táctiles, non permite o seu control mediante o teclado.

PUBLICIDADE