FOGA integrará as tecnoloxías Samsung School na nova andaina da Casa do Neno
mércores, 15 de xuño do 2016
- Eva Vidal, directora da Casa do Neno, asina o proxecto integral de solucións para o novo centro nas instalacións de FOGA
Este curso 2016-2017 abre
as súas portas no Seminario Menor de Belvís (Santiago) a Casa
da Neno, unha iniciativa educativa de Escola Infantil que ten
entre os seus cometidos, na súa nova andaina, introducir aos
escolares nos usos e vantaxes das novas tecnoloxías da información.
Así
nolo conta a empresa FOGA, con sede tamén en Compostela, que logo de
“anos de colaboración coa Casa do Neno no ámbito dos servizos
reprográficos”, enceta agora a petición do centro “un proxecto
integral de equipamento e servizos para o seu novo emprazamento". Este proxecto
integral centrarase nos eidos da infraestrutura, a informática, a
reprografía e a docencia con dispositivos de mobilidade. Será ao
abeiro da iniciativa Samsung School, da
que xa temos falado en Código Cero facendo fincapé na participación
nela da firma galega FOGA e salientando o seu potencial para
achegar contornas dixitais para fomentar, en palabras de Samsung, “o
ensino intelixente”.
Os traballos nesta nova
andaina da Casa do Neno (que inclúe Primaria) diríxense, polo
tanto, a integrar ao máximo a tecnoloxía no proxecto educativo do
centro. Segundo informa FOGA, “aspírase a dispor de ferramentas
para acadar unha eficacia integral nos procesos educativos”, e,
tamén, “a lograr as mellores experiencias formativas posíbeis a
través do emprego de plataformas dixitais, a familiarización co seu
uso e o coñecemento nativo destes recursos dixitais”.
Grazas ao alicerce
achegado por Samsung School, a Casa do Neno contará cunha solución
integral de ensino adaptada de maneira específica á educación.
“Esta solución”, lembra FOGA, “fornece funcións interactivas
de ensino baseadas en Internet, nas tabletas e nos encerados
dixitais, e foi deseñada para estimular aos estudantes e fomentar a
súa participación activa na aula”. Segundo engade a firma
santiaguesa, recentes estudos “demostran que este tipo de métodos
melloran a retención de contidos por parte dos alumnos”.
A empresa tamén recorda
que Samsung School é unha solución que xa foi implantada con éxito
en máis de 50 centros ensino de Corea do Sur e que se atopa nun
intre de espallamento entre os máis destacados centros educativos
internacionais. A solución, que FOGA distribúe para Galicia como
socio oficial certificado, encamíñase a manter a atención e a
concentración dos estudantes, a fomentar unha experiencia positiva
de aprendizaxe, e a axudar os profesores a ofrecer unha atención
personalizada a aqueles alumnos que o precisen.