Fabricar o Nexus One custa 174,15 dólares e contará con versión corporativa

luns, 11 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Nexus One desmontado pola xente de iFixit

O Nexus One continúa a dar moito que falar, e tras o seu lanzamento a xente de iSuppli molestouse en desmontar o terminal para calcular o seu custo de fabricación en base aos seus compoñentes, determinando que a súa fabricación custaría uns 174,15 dólares (120 euros), de xeito que sería lixeiramente máis barato que un iPhone 3GS pese a ter un hardware máis avanzado (coma mínimo, a nivel de procesador, RAM, pantalla e cámara) aínda que contando cunha capacidade de almacenamento inferior.
O compoñente máis caro do Nexus One sería o seu procesador a 1 GHz (30,50 dólares), seguido da súa pantalla AMOLED de 3,7 polgadas (23,50 dólares) e a súa RAM (20,40 dólares). De todos os xeitos hai que lembrar que os custos de fabricación por unidade son moi inferiores do que custa realmente o dispositivo, posto que hai que ter en conta moitos outros gastos asociados que van dende o seu desenvolmento ata o seu empaquetado e transporte.
Amais, nunha entrevista que fixo Walt Mossberg a Andy Rubin, vicepresidente de enxeñaría de Google, comentaron que estase a preparar unha versión corporativa do móbil, que contaría cun teclado físico e unha batería de maior capacidade, o que confirmaría que o Nexus One vai ser un móbil entre moitos outros promovidos por Google.


Entrevista de Walt Mossberg a Andy Rubin para discutir sobre o novo Nexus One

PUBLICIDADE