Facebook podería ter que afrontar unha multa de 5.000 millóns de dólares nos EE.UU.

venres, 12 de xullo do 2019 Marcus Fernández

A Comisión Federal de Comercio (FTC) dos EE.UU., segundo publica o The Wall Street Journal, podería ter aprobado impor a Facebook unha sanción de preto de 5.000 millóns de dólares por mor dos seus grandes fallos no tratamento dos datos persoais dos seus usuarios que saíron á luz pública co escándalo de Cambridge Analytica.
O acordo ao que chegaría a FTC con Facebook suporía unha sanción record, que superaría amplamente os 3.000 millóns de dólares que a compañía de Mark Zuckerberg prevía que tería que pagar polos seus desleixos, pero a cousa non remataría aí, senón que tamén imporían condicións a Facebook sobre o xeito no que manexa a privacidade dos seus usuarios.
Tamén pretenden que altos executivos como Mark Zuckerberg poidan pasar a ser responsables persoalmente dos grandes problemas co tratamento dos datos dos usuarios, pois foron moitas as evidencias de que boa parte dos escándalos de Facebook dos últimos meses eran consecuencia directa de políticas impostas dende a dirección da compañía, ignorando as advertencias dos traballadores, polo que non parece razoable que os directivos poidan escudarse na corporación para evitar a súa responsabilidade en asuntos que están a ter un amplo impacto social (lembremos que o abuso dos datos persoais dos usuarios de Facebook puido ser unha peza chave nas eleccións presidenciais estadounidenses e na votación do Brexit).

PUBLICIDADE