Far Cry 2 funcionará en ordenadores medios

venres, 17 de outubro do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 218.6 KB

Os xogos espectaculares que saen para PS3 e Xbox 360 cando se adaptan ao PC normalmente sorprenden cunhas esixencias de hardware que están fóra do alcance da meirande parte de usuarios, de xeito que títulos coma Crysis se gañan unha sona de exclusividade que fai que os xogadores para PC lles collan certo medo, erro que non parecen querer cometer os responsables de Far Cry 2, xogo que chegará en breve ás tendas españolas e que segundo unha análise elaborada dende PC Games Hardware funciona satisfactoriamente en equipos de gama media.
Segundo a publicación «incluso cun Core 2 Duo E6600 ou un Athlon 64 X2 6000+ e tarxetas gráficas GeForce 9800 GT/8800 GT ou Radeon HD 48500 se pode xogar ao máximo de detalle», podendo claramente funcionar satisfactoriamente con equipos de prestacións inferiores. Agardemos que esta contención nos requisitos para o funcionamento do xogo (que supomos que se debe a unha optimización do mesmo) sirva de exemplo para futuros desenvolvementos, e que non pechen a porta do PC como plataforma de xogo válida.

PUBLICIDADE