Far Cry 4 chegará ás tendas o 20 de novembro

xoves, 15 de maio do 2014 Marcus Fernández

Para quecer os motores de cara á vindeira edición da feira E3, dende Ubisoft anuncian que o vindeiro 20 de novembro publicarán o xogo Far Cry 4 para Xbox 360, Xbox One, PlayStation 3, PlayStation 4 e PC, que trasladará a acción a Kyrat, unha rexión salvaxe gobernada por un déspota, onde os usuarios poderán elixir a súa propia historia nun exótico mundo aberto no que tanto poderemos ver a súa vida salvaxe como facer uso de potente artillería e de diversos vehículos.
Far Cry 4 quere levar a experiencia de acción en primeira persoa de Far Cry 3 un paso máis adiante, para o que están a traballar intensamente dende Ubisoft Montreal en colaboración con Red Storm Entertainment, Ubisoft Toronto, Ubisoft Shanghai e Ubisoft Kiev.
Pese a que aínda faltan bastantes meses para o lanzamento deste xogo, xa se anuncia a posibilidade de reservalo, o que permitirá recibir como recompensa unha actualización sen custo adicional á Edición Limitada, que incluirá misións adicionais e tamén unha arma moi especia: a escopeta de arpóns.

PUBLICIDADE