Feiraco e Política Lingüística convocan nas redes o seu noveno certame de relatos breves

venres, 8 de maio do 2020 S. P.

Feiraco Lácteos e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, con motivo da festividade das Letras Galegas 2020, adicada este ano a Ricardo Carvalho Calero, convocan unha nova edición, a novena, do Certame de Relatos Breves Feiraco. O obxectivo é achegarnos nas redes sociais e a través das webs de Feiraco e Política Lingüística unha oportunidade para mostrar a nosa creatividade literaria. Haberá tres gañadores nesta edición máis dixital ca nunca.
Segundo fan saber, os textos que se presenten ao certame deberán ter unha extensión máxima de 500 caracteres e comezar coas palabras Á sombra daquel carballo centenario..., coas que se quere honrar o autor que será homenaxeado o próximo 17 de maio, Ricardo Carvalho Calero. O prazo para presentar contribucións estará aberto entre o 7 e o 31 de maio de 2020.

PUBLICIDADE