Fíltran as especificacións e o prezo do BlackBerry Priv
xoves, 22 de outubro do 2015
Parece que o primeiro smartphone de BlackBerry con Android
xa está a piques de chegar ás tendas, e non teremos que esperar a que a
compañía anuncie as
súas especificacións, xa que varias páxinas webs, entre as que está a da
cadea de tendas Carphone Warehouse (nome que ten no Reino Unido The Phone
House), de xeito que xa sabemos
moitos detalles do BlackBerry Priv e incluso o seu prezo, que sería moito
máis caro do que ao público lle gustaría, de xeito que no mercado
norteamericano custaría 749 dólares (672,64 euros) e no Reino Unido chegaría ás
580 libras esterlinas (801,42 euros).
Este novo smartphone 4G tería unha pantalla AMOLED de 5,4 polgadas cunha
resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 808, 3 GB
de RAM, 32 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de
até 2 TB, cámaras de 18 e 2 Mpíxeles, batería de 3.410 mAh e Android 5.1.1, o
que son unhas prestacións bastante boas, que estarían na liña de, por exemplo,
o LG G4, terminal que custa menos de 450 euros en España e 325 libras
esterlinas no Reino Unido, polo que é normal que a impresión que se teña do
novo terminal de BlackBerry é que ten un prezo esaxerado, xa que a principal
diferenza co smartphone insignia de LG sería o teclado QWERTY deslizante e o
software de BlackBerry, características que poucos usuarios valorarán nuns 350
euros, prezo polo que xa hai smartphones bastante potentes.
No Reino Unido esperan comezar a comercializar o novo smartphone de BlackBerry o 6 de novembro.
- O BlackBerry Priv ten unhas especificacións bastante correntes, sendo o máis rechamante do seu deseño o contar cun teclado QWERTY deslizante