Fíltranse imaxes do novo Kindle de Amazon

luns, 11 de abril do 2016 Marcus Fernández

Hai uns días Jeff Bezos adiantou que esta semana dará detalles sobre a 8ª xeración do seu lector de libros electrónicos, o Amazon Kindle, e as xa hai filtracións sobre o novo produto, que terían chegado a través da páxina xaponesa de Amazon, onde apareceu listado accidentalmente o Kindle Oasis, de xeito que o nome clave que se coñecía até o momento (Whiskey) correspondería só ao produto en desenvolvemento.
Algúns entenden que o nome de Oasis podería significar que estamos ante un lector de libros electrónicos resistente á auga, que era do pouco que podía deducirse da filtración até que xurdiron varias imaxes que amosan detalles do produto, que amosa unha aparencia bastante peculiar, na que o trebello dividiríase en dúas partes: unha cun grosor de só 3,4 milímetro e outra cun grosor de 8.5 milímetros (onde estarían un par de botóns de control alargados e presumiblemente o seu hardware principal e batería, resultando tamén a zona máis cómoda para o seu agarre.
Outro detalle curioso é que o deseño estaría pensado para ser ambidextro, de xeito que poderá xirarse en función da man coa que desexemos suxeitar o eReader. Este trebello con pantalla de 6 polgadas cunha resolución de 300 dpi pesaría só 131 gramos, o que supón unha mellora considerable fronte aos 180 gramos do Kindle Voyage, polo que estamos ante un dispositivo que resulta principalmente destinado aos lectores máis intensivos.

PUBLICIDADE